Blog
O «Calvario’s Tour» achega o comercio de proximidade á mocidade
A campaña Calvario’s Tour concluíu cun éxito de participación, cumprindo o seu obxectivo de achegar ás novas xeracións o valor do comercio de proximidade a través dunha proposta lúdica e educativa. A iniciativa, promovida polo Centro Comercial Aberto do Calvario, reuniu a numerosos nenos e nenas de entre 8 e 12 anos, que participaron en obradoiros interactivos nos que descubriron, dun xeito ameno, a importancia do pequeno comercio na vida diaria do barrio.
Durante as xornadas, os participantes puideron coñecer de primeira man o traballo que desenvolven os comerciantes locais, comprender as diferenzas entre o comercio de barrio e as grandes superficies e reflexionar sobre o impacto positivo que teñen estes establecementos na economía, na convivencia e na identidade da contorna.
A elevada participación e a boa acollida das familias confirman o interese por este tipo de iniciativas, que combinan ocio, aprendizaxe e dinamización comercial.
Con este balance positivo, o Centro Comercial Aberto do Calvario reafirma a súa aposta por accións innovadoras que contribúan a manter vivo o tecido comercial do barrio e a transmitir ás futuras xeracións os valores da proximidade, da confianza e da atención personalizada que caracterizan o comercio local.
