Os datos dos primeiros meses de 2022 confirman de nuevo o éxito do Xacobeo 21-22 na cidade de Vigo. No que vai de ano, e ata o 19 de maio, o Camiño Portugués da Costa rexistrou un total de 3.863 peregrinos, dos que case un terzo, máis de 1.200, aloxáronse no Albergue Juan Manuel López Chaves. A todo isto, hai que sumar o aluvión de peticións de establecementos para instalar a sinalización da ruta xacobea e facilitar así o percorrido dos camiñantes ao seu paso polo centro urbano de Vigo.
Marta Fernández-Tapias, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, participou precisamente este venres na colocación da señalética oficial nun local situado ao carón do Camiño. A representante autonómica visitou aos responsables da Panadería Altairán, na Avenida de Castrelos, onde xa loce o distintivo xacobeo que permite aos peregrinos non perderse polas rúas da cidade.
“O Camiño supón unha importante fonte de ingresos para sectores como a hostalería e o comercio, polo que hai que aproveitar a oportunidade que nos brinda o Xacobeo 21-22″, sinalou Fernández-Tapias. Desde que a Xunta puxo en marcha a iniciativa xa son preto de 300 os locais que se sumaron e, tras unha primeira fase en 2021 cunha excelente acollida, neste 2022 a Administración autonómica recibiu outras 107 peticións por parte de propietarios de establecementos.